Compostela, capital de compras recolle os programas e actuacións que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica e Comercio no marco do Plan Estratéxico do Comercio Compostelán. Destinadas a todos os estabelecementos comerciais de Santiago, teñen como obxectivo fomentar a dinamización, promoción, e innovación do sector, para favorecer a súa modernización e adaptación ás novas tecnoloxías e hábitos de consumo coa finalidade de incrementar a súa competitividade.
O comercio e a hostalería, con 3.789 estabelecementos abertos*, dos que 2.621 corresponden ao sector comercial e 1.168 á hostalería (Estatístico 2009), é un dos motores económicos de Santiago e permiten posicionar a Compostela como a capital de compras do noroeste peninsular. Tamén é un dos eixos do desenvolvemento social do Concello, como elemento de impulso e estruturación de espazos urbanos.
A configuración comercial da cidade permite dividila en tres grandes áreas comerciais abertas: O Ensanche, a Cidade Histórica e o Barrio de San Pedro. A oferta complétase co Mercado de Abastos, as grandes superficies comerciais de Área Central e o Centro Comercial Compostela; e o Polígono Empresarial de Costa Vella*.
Esta distribución xeográfica marca a estrutura organizativa do sector en Santiago, onde existen cinco asociacións de comerciantes: Acotés, Compostela Monumental, Fundación Santiago Centro, Asociación de Comerciantes do Barrio de San Pedro, e Sociedade Cooperativa Galega Mercado de Abastos.
* Fonte: Estatístico 2009 do Concello de Santiago de Compostela (datos correspondentes a 2007)
* Fonte: Guía de Compras de Santiago de Compostela