CERSIA Empresa


Novas

« volver á listaxe

Xosé Manuel Iglesias na presentación de Regalar custa pouco 2010Ampliar

 Imprimir   Enviar

Compartir en:

Facebook  Twitter  Meneame  Tuenti  LinkedIn





REGALAR CUSTA POUCO

Regalar custa pouco promocionará o comercio compostelá coa edición de dez mil catálogos con propostas de agasallos para este Nadal

23/11/2010
O prazo de inscrición no concurso, organizado pola concellaría de Promoción Económica e Comercio e destinado a todos os comercios de Santiago, finaliza o 30 de novembro.

O Concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o III Concurso catálogo de promoción comercial de Compostela Regalar custa pouco, aprobado en Xunta de Goberno. Este programa ten como obxectivo potenciar as compras nos establecementos comerciais da cidade durante o Nadal. As/os comerciantes que presenten as mellores propostas poderán ver os seus produtos recollidos nun catálogo, xunto á identificación do comercio, que se distribuirá entre a cidadanía de Compostela, con distintas accións de animación en rúa; e en diferentes entidades: concello de Santiago, bibliotecas, centros socioculturais, etc.  

O funcionamento de Regalar custa pouco, que conta cun orzamento de 28.500 euros, é o seguinte. Hoxe, a partires das tres da tarde, ábrese o prazo de inscrición no certame, dirixido a todos os comercios da cidade. Os comercios interesados poden inscribirse de balde, descargando a documentación que atoparán, xunto ás bases, na páxina web da Concellaría de Promoción Económica www.maiscompostela.org. Esta documentación tamén se repartirá polos estabelecementos comerciais de Santiago. As persoas interesadas tamén poden solicitar información a través do correo electrónico sae@santiagodecompostela.org e no teléfono 981 542 493.  

A documentación a cubrir consta do Anexo I, que é a ficha de inscrición no certame, e o Anexo II, unha ficha técnica na que se describe o produto que vai concursar. Establécense ata seis rangos de produtos, dependendo do prezo: ata 5 euros, ata 10, ata 20, ata 30, ata 50 e ata 100 euros. Cada comercio pode presentar unha candidatura por cada rango de prezos. Os produtos presentados deberán figurar na oferta habitual do estabelecemento durante os días que dure a campaña de exposición e venda no mesmo comercio, do 2 ao 31 de decembro de 2010. Unha vez cubertas os dous anexos de participación, teñen que presentarse antes do 30 de novembro, en calquera dos rexistros cos que conta o Concello de Santiago.  

Unha vez rematado o prazo de inscrición, convocarase aos estabelecementos participantes para que presenten unha mostra dos produtos e das embalaxes presentados a concurso. Un comité de selección valorará as candidaturas conforme á especialización dos produtos, á relación calidade-prezo e á novidade e orixinalidade no concepto de envases e embalaxes. Cando se realice a mostra, fotografiaranse todos os produtos.

As propostas seleccionadas incluiranse no catálogo editado pola Concellaría de Promoción Económica que se distribuirá de xeito gratuito entre a cidadanía. Ao lado de cada un dos produtos irá a identificación do comercio. Trátase dunha publicación que se elaborará cun deseño atractivo, destinada ás compras de Nadal e con prezos asequibles e pechados.

Este catálogo ten como obxectivo achegar a cidadanía ao comercio local, ben sexa para adquirir os produtos que alí se ofrecen ou tamén para coñecer outros similares que ofertan eses establecementos e así incitar tamén as compras nas tendas locais. Esta previsto que teña unha tirada inicial de 10.000 exemplares e se edite en galego, castelán e inglés.  

Á primeira edición do Concurso catálogo de promoción comercial de Compostela Regalar custa pouco presentáronse 51 produtos pertencentes a 14 estabelecementos comerciais. O premio especial do xurado, de 750 euros, foi para o Surtido de bolas de chocolate Oceans, cun prezo de venda de 30 euros, pertencente ao estabelecemento Xocoátel. O segundo premio acadouno Xogo de tres botóns de madeira de buxo, cun prezo de venda de 4,20 euros, presentado polo estabelecemento Noroeste, Xoias de autor. No segundo concurso Regalar custa pouco, celebrado en 2009, inscribíronse 86 produtos, pertencentes a 16 estabelecementos comerciais. O primeiro premio, de 750 euros, foi para o Chocolaterapia, un tratamento corporal a base de chocolate en cabina, cun prezo de venda de  37 euros,  presentado polo centro de estética Saúde e Beleza. O segundo premio, de 350 euros foi para Bolso de pel con asa de corno de vaca, cun prezo de venda de 100 euros, presentado por El Club Baltassara. E o terceiro premio acadaouno Perica, un chaveiro en forma de ovella negra, elaborado en pel de vacún, cun prezo de venda de 8,5 euros e presentado pola tenda de marroquinería Media Lúa. En ámbolos dous casos, na decisión do xurado tívose en conta a especialización dos produtos, a relación calidade-prezo e a novidade e orixinalidade no concepto de envases e embalaxes.