PLAN ESTRATÉXICO DO COMERCIO COMPOSTELÁ
O martes, 13 de xullo, remata o prazo de inscrición na Edición de Verán do VII Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping 2010, organizada pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo que dirixe o nacionalista Xosé Manuel Iglesias. No concurso, que destina 10.307,97 a premios, poden participar todos os comercios de Santiago. A participacion é gratuita. Para apuntarse, só teñen que cubrir o formulario de inscrición que hai ao final das bases do concurso (que se poden descargar da páxina web de Promoción Económica www.maiscompostela.org), e envíalo por fax ao número 981 543 193. Tamén se pode realizar a inscrición enviando un correo electrónico a inscricionspe@santiagodecompostela.org no que teñen que constar os seguintes datos: nome do estabelecemento, sector ao que pertence, nome e apelidos do propietario, enderezo, teléfono, fax e correo electrónico (se o teñen).
Os estabelecementos inscritos serán fotografíados e, entre as propostas presentadas, o xurado escollerá tres comercios, que recibirán unha campaña publicitaria gratuita en medios de comunicación locais por valores superiores a 5.000 euros para o primeiro clasificado, a 2.000 para o segundo e a 1.500 para o terceiro. Enmarcado na liña de dinamización comercial do Plan Estratéxico do Comercio Compostelán, cofinanciado pola Deputación de A Coruña, o obxectivo do certame é contribuir á dinamización, promoción e mellora dos estabelecementos en activo, incentivando a súa capacidade creativa e a súa imaxe.
O xurado no que se integran asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia, valora especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos. No certame prima tanto o escaparate como o interior do comercio. Na Edición de Primavera os comercios premiados foron, por este orde, a tenda de moda Spiral, situada na Rúa do Doutor Teixeiro, número 30; a tenda especializada en artesanía africana Mama Egue, localizada na Rúa da Algalia de Arriba, número 15; e o estabelecemento de produtos de veterinaria Castelcán, situado na Rúa de García Prieto, número 10.
No Concurso, organizado por Promoción Económica e Comercio desde o ano 2004, colaboran a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Agrupación de Comerciantes de Santiago ACOTES, a Asociación de Comerciantes e Profesionais Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, a Fundación Santiago Centro Área Comercial, a Asociación de Comerciantes do barrio de San Pedro, Euroconsumo Galicia e o Grupo Correo Gallego.